Teatro

As compañías son un dos nosos motores creativos

artestudio

TEATRO

Compañía que nace pola unión de Estefanía Vázquez (produción, distribución e asesoramento pedagóxico) Ramiro Neira (Actor) e Manu Clavijo (Músico) en Xaneiro do 2007 coa estrea no Auditorio do Fórum Metropolitano de A Coruña do seu primeiro espectáculo, “A Haima de Agmed” unha peza para público infantil na que se misturan o teatro, a narración oral de contos do mundo e a música en directo.

Esta peza de pequeno formato marca definitivamente o percorrido da compañía especializándose na creación de espectáculos para público infantil. Así en Xaneiro do 2009 crea una nova peza de mediano formato e con seis compoñentes, “La vuelta al Mundo en menos de una hora” por petición da Orquesta Sinfónica de Galicia para formar parte da súa programación de concertos didácticos, para posteriormente realizar unha xira por toda a xeografía galega.

Os seguintes espectáculos da compañía son Feirantes (Marzo de 2009), espectáculo para público adolescente no que se achega a obra de de Álvaro Cunqueiro á mocidade. A traxectoria da compañía continúa con dous espectáculos para público familiar; Contos no ar (Abril 2010) e Valados (Abril 2011).

Os espectáculos de Artestudio Teatro caracterízanse por contar cunha dirección grupal e colectiva, tódolos compoñentes do equipo de traballo aportan as súas ideas para ir conformando pouco a pouco o que será a nova peza.

 

OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS
Un espectáculo sobre a memoria para desfrutar en familia
Artestudio Teatro | Ramiro Neira

Por que os máis cativos/as e os que non somos tan cativos/as gardamos un cachiño de papel, unha balea queimada dos foguetes que tiran nas festas, unha conchiña recollida na praia, unha flor, unha pedra, un cachiño de tela...?

Todos eles son obxectos que imos xuntando nunha caixiña.

Por que os nosos pais e nais queren que tiremos eses recordos se eles mesmos gardan unha caixiña semellante á nosa?
Esas caixiñas non só gardan obxectos, gardan historias dos invernos na aldea, das festas do pobo, dos veráns na praia.

Moitas veces eses recordos desaparecen na esquina da parte alta dunha estantería ata que un día, sen querer, buscando outra cousa, atopamos a caixiña, abrímola e todas esas historias botan outra volta no noso pensamento.

Un espectáculo sobre a memoria para desfrutar en familia

Oficina de obxectos perdidos é unha adaptación da peza orixinal a partir dunha serie de encontros con colectivos de maiores no Concello de Oleiros.
Este espectáculo conta coa subvención de Agadic ao Impulso do sector escénico galego do ano 2020.

xurxo

CORTÁZAR

Xurxo comeza a súa carreira como actor profesional no 1996 cando comeza a colaborar coa compañía Migallas Teatro onde actúa en espectáculos tanto para adultos como para público infantil e familiar. Despois duns anos combinando a interpretación coas tarefas de produción e dirección artística en diferentes programacións e actividades promovidas polo Concello de Pontevedra (Domingos do Principal, Feira do Humor, Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, etc.) produce e protagoniza o monólogo A Penitencia do Pirata, de Budumbu Producións, para público adulto baseado na lenda do pirata Benito Soto. A finais de 2006 comeza a traballar coa compañía Galitoon nos espectáculos Golulá (Premio ao Mellor espectáculo infantil na 10ª Feria de Teatro Castilla y León de Ciudad Rodrigo; Premio ao Mellor Espectáculo Innovador na 24ª Mostra de teatro de Ribadavia); Babiliglub; Festas do Axóuxeres e Botazz, o swing do jazz. En 2011 dirixe o seu primeiro espectáculo: Valados para Artestudio Teatro, do que tamén forma parte do elenco, e comeza a traballar coa compañía Baobab Teatro nos espectáculos Babs; O Soldadiño de Chumbo e Martes. En 2017 volve producir e interpretar un monólogo para adultos, Desconexión con dramaturxia e dirección e Santiago Cortegoso, co que segue xirando por Galicia ademais de facer pequenas colaboracións con compañías e productoras do país.

Queres máis información?

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies