Rúa Ext-Cénica
Rúa Ext-Cénica é un festival de promoción e difusión das artes escénicas e musicais na rúa con espectáculos para público familiar e para adultos/as.
O festival pretende que as propostas programadas saian ao encontro co público, en espazos non convencionais. A rúa, entendida como un espazo aberto onde a cidadanía constrúe a súa vida cotiá, é cultura e a cultura está na rúa.
Prazas, xardíns, paseos e outros espazos públicos singulares do Concello servirán de escenario para artistas e compañías das máis variadas procedencias e disciplinas: música electrónica, circo, danza contemporánea, teatro de rúa,…que intentarán transformar a rúa nun escenario propicio onde provocar a interacción social co público asistente nun ambiente festivo.
Dende Artestudio colaboramos co Festival Oleirense Rúa Ext-Cénica coordinando diversos espectáculos na súa maioría de danza. Encántanos participar na xornada de danza deste festival que reúne a moitos/as veciños e veciñas así como compañeiros e compañeiras das artes escénicas na comarca. Un festival que aposta por novas linguaxes e propostas innovadoras e de fusión para achegar á súa veciñanza un proxecto orixinal e de calidade.
Na III edición do 2019 contamos coa colaboración da Cía Entremans, de Anxela Blanco e de La Macana.